Claude Cahun e Marcel Moore: A fotografía como instrumento (de)construtor do xénero
Da serie Autorretrato (Claude Cahun, Marcel Moore, 1927)
Soy mujer, y mi cuerpo tampoco. Ni mi sexo, ni mis exiguas caderas, ni la angulosa arquitectura de mis clavículas. Soy hombre, y mi cerebro tampoco. Ni la excesiva delgadez de mis piernas, ni la húmeda franqueza de mis ojos, ni la patética longitud de mi cuello. Soy el Otro, y mi corazón tampoco[1].
Claude Cahun é o pseudónimo adoptado por Lucy Renée Mathilde Schwob, artista multidisciplinar nada en Nantes en 1894 e precoz pioneira na deconstrución do sistema binario masculino/feminino, así como na loita contra o esencialismo sexo/xénero que atribúe unha identidade fixa e inamovible ao suxeito. Cahun coloca, a través tanto da súa vida como da súa obra, un gran interrogante sobre as nocións do feminino e da identidade, nunha síntese entre a exploración persoal, o activismo político e a arte, valéndose fundamentalmente da máscara e o disfrace como medios para demostrar que a existencia non consiste senón nunha mera actuación que tan só depende da personaxe que se decida representar en cada momento.
A elección do nome «Claude», que en francés ten un sentido ambiguo, viría a ser xa unha declaración de intencións da súa vontade de superar a arquitectura sociocultural que divide a identidade en masculina ou feminina; ao igual que sucede coa súa compañeira amorosa e artística, Suzanne Malherbe, coñecida como Marcel Moore, coa cal realiza a maior parte das súas obras[2]. A súa produción enraizaría na lectura do artigo “Womanliness as Masquerade” de Joan Rivière, así como coa obra do sexólogo inglés Havellock Ellis, que discute a posibilidade dun terceiro xénero, co que ela mesma chega a identificarse. Así mesmo, adianta de xeito prematuro o pensamento de Judith Butler, pioneira do posfeminismo e da teoría queer, e quen nos 90 se encargará de afirmar que o propio concepto do xénero segue en disputa, reducíndose en realidade a un constructo socio-cultual determinado polos eixos de poder que se encargan de definir as características do natural e o válido.
¿Masculino? ¿Femenino? Depende de los casos. El único género que siempre me conviene es el neutro[3].
Claude Cahun e Marcel Moore traballan man a man, gravitando entre a escritura literaria e a xornalística, a representación teatral e a performance, a poesía escrita e a visual. Os autorretratos permítenlles simular o exercicio dunha intimidade que é tan verdadeira como falsa, baixo a premisa de manter un xogo permanente arredor da pregunta existencial por antonomasia: «quen son?». Así, a imaxe de Cahun aparece multiplicada e fragmentada en diferentes identidades a modo de retrato de tódalas aparencias que esta decide adoptar: home, muller, marine, pallaso, deportista, etc. A indeterminación e a ambigüedade constitúen as súas principais marcas distintivas, de maneira que cada fotografía reflicte unha constante análise e indagación sobre as súas propias historias persoais e, ao tempo, sobre as das personaxes inventadas. En definitiva, a obra de Cahun-Moore constitúese así nunha multiplicidade de disfraces que amosan tódalas (non)existencias dun mesmo ser, tódalas máscaras que, ao tempo que agochan, revelan.
Autorretratarse es autoatreverse a autocontemplar el incalificable rostro del Otro[4]. Cada nueva imagen ha sido un nuevo paño de la Verónica, un nuevo santo sudario, un nuevo error, una nueva mentira. Mi cara y mi cuerpo rehechos y desechos, como un doloroso y engañoso palimpsesto. Abrir, pintar, maquillar, borrar, fingir puertas para sólo encontrar aún más puertas.[5]
No ano 1937, a parella múdase á illa de Jersey, que tres anos despois sería ocupada polas tropas alemás. Neste punto, levan ata as últimas consecuencias as súas propostas artísticas, comezando unha operación de resistencia independente baseada na estratexia de minar a moral dos soldados xermanos mediante panfletos con mensaxes que introducían nos seus petos e paquetes de cigarros. A carga artística segue presente: nas notas, impresas en seda de cores, figuraban mensaxes en alemán que subliñaban as atrocidades nazis e a inminente derrota das súas tropas –tales como «Xesús morreu polos homes, mentres que os homes morren por Hitler»−, sempre firmadas polo «Soldado Anónimo», acaso unha máis das súas máscaras[6]. Finalmente son delatadas, e a estes agravios súmaselle a procedencia xudía de Cahun e a homosexualidade de ambas, factores que as conducirían á condena a morte. Con todo, en 1945 Jersey é liberada e con ela a parella, do cal deixa constancia unha fotografía de Cahun posando cunha insignia militar nazi na boca, presente recollido dun dos soldados co que trabara amizade na súa estancia en prisión, tendo sido encarcelado por cometer actos de traizón contra o III Reich motivado polo «Soldado Anónimo». Estes actos de resistencia non se poden deixar de entender como parte da expresión artística de dúas mulleres que, rexeitando a dualidade tradicional aplicada ao sexo e ao xénero, abrazan por medio da mascarada dúas parellas de binomios fundamentais: a arte e a revolución, a estética e a transgresión. E é que como Laura Cottingham afirma: «Proust murió en 1922 y, con él, el siglo xix. Cahun, en cambio, anticipa no solo el xx, sino también el xxi»[7].
Fotografía tomada por Suzanne á porta da casa de ambas en Jersey, trala liberación da illa (1945)
[1] Óscar Colorado: “Claude Cahun y la exploración de la identidad”. En: Óscar en Fotos, 2017. Recuperado de: https://oscarenfotos.com/2017/05/06/claude-cahun-y-la-exploracion-de-la-identidad/ Última consulta 14/06/2017.
[2] Cottingham citada en: Carmen Senabre: “Claude Cahun: el tercer sexo o la/s identidad/es al desnudo”. En: Dossiers Feministas, Valencia: Universitat de València, nº 18, 2014, p. 91.
[3] Nótese referencia a Lacan, psicanalista que toma certas ideas da propia Rivière, aceptando a premisa de que a máscara da feminidade é a feminidade mesma. A noción de «Outro» acuñada por este autor é de importancia capital no seu pensamento e fai referencia tanto ao outro suxeito, coa súa singularidade inasimilable, como á orde simbólica (linguaxe, Lei), que media irremediablemente nas relacións con aquel. Véxase: Jorge Grippo: “El gran Otro”. En: Psico Notas, 2016. Recuperado de: http://www.psiconotas.com/el-gran-otro-830.html Última consulta: 14/06/2017
[4] Claude Cahun citada en: Francisco Carpio: Op.Cit., p. 39.
[5] Claude Cahun citada en: Verónica Bujeiro: “Claude Cahun: la máscara como nombre propio”. En: Casa del tiempo, México: Universidad Autónoma Metropolitana, nº 33, 2016, p. 50.
[6] A historiografía recente encargouse de reivindicar a importancia da figura de Marcel Moore na obra da artista, omitida por moitos estudos. Entre outrxs, Dawn Adès, apunta nas súas investigación sobre a autora que os «autorretratos» de Cahun non son senón o resultado dunha práctica colaborativa como compañeiras artísticas e amantes. Véxase: Arrate Hidalgo: “Claude Cahun: la máscara bajo la máscara”. En: Cactus, 2017. Recuperado de: http://revistacactus.com/claude-cahun-la-mascara-bajo-la-mascara/ Última consulta: 14/06/2017.
[7] Claude Cahun citada en Francisco Carpio: “Confesiones de dos máscaras”. En: David Arraz, F. Javier Panera Cuevas [comisario], Mascarada/Masquerade. Salamanca: Explorafoto: Fundación Salamanca Ciudad de Cultura, 2006, p. 39. [Catálogo de exposición]