Morte/Terrorismo
Vivimos tempos convulsos, coma sempre. Tempos de guerra e morte. A chegada do novo milenio non resultou ser a fronteira que se agardaba, o desexado muro infranqueable para todos os nosos males. O imaxinario colectivo do recentemente nado milenio instaurouse sobre os ataques do 11 de setembro; o primeiro gran acontecemento da era da guerra contra o terror.
O atentado ó World Trade Center constituíu a primeira gran retransmisión en directo da morte de miles de inocentes, da inxerencia terrorista en territorio occidental da que fomos testemuña e de cuxa aura especial non seremos xa quen de despegarnos. O 11-S foi un terror ideado, por enriba de todo, para ser visto. Mais isto só resulta ser un pilar máis dos numerosos elementos que sosteñen o actual panorama audiovisual e comunicativo que rodea á morte, ó terrorismo, e máis a súa mostra. Un ritual cada vez máis habitual mediante a hiperconectividade e as novas tecnoloxías.
O obxectivo deste artigo non é outro que achar os distintos canles e motivacións que dan lugar a este fenómeno da visualización da morte e as posibles respostas ó mesmo.
A difusión da violencia é diaria e cotiá. Chega primeiramente a nós dende múltiples plataformas sen distinguir entre idades ou grupos sociais. Como afirmaba Susan Sontag, as imaxes atroces perséguennos. Os medios de comunicación constitúen un primeiro canle dende onde a violencia chega a nos, o máis expandido e accesible, pero tamén o máis selectivo por parte do emisor e o máis pasivo por parte do receptor.
É no noso propio fogar onde nos transformamos en espectadores da dura realidade, das contendas bélicas e do asasinato, cuxa inmersión involuntaria ou non desexada conscientemente na nosa vida diaria non fai máis que aumentar co progreso da pantallización da que fala Lipovetsky.
Emporiso, ditas imaxes son sempre segadas e escollidas polas axencias de información, quen pon o límite do que se vai mostrar e do que non. O material queda deste xeito indefenso fronte os intereses de quen controla ditos medios. Convertémonos deste xeito en espectadores do sufrimento a distancia sen tan sequera desexalo. Os medios enmarcan esas escenas convertendo ese acto de mirar en algo rápido e indecente, máis centrado en penetrar na nosa memoria que en provocar a reflexión.
Os medios constitúen así unha poderosa e efectiva máquina de producir imaxes. Grandes torrentes de escenas que non buscan a crítica, senón a creación de iconas no imaxinario colectivo, influenciándoo e minguando a capacidade de tomaren decisións por nos mesmos.
Porén, a longa tradición do periodismo de guerra semella rachada coma nunca antes. A guerra moderna móstrasenos agora máis ben coma un espectáculo de desmaterialización, un mero simulacro no que, canto máis intensas e duradeiras sexan as imaxes, máis opacas semellan volverse, contribuíndo a preservar a opresión en vez de sensibilizar para querer eliminala.
Como de novo dicía Sontag, “los ciudadanos de la modernidad, los consumidores de la violencia como espectáculo, los adeptos a la proximidad sin riesgos han sido instruídos para ser cínicos respecto de la posibilidad de sincerdidad”.
Os suplicios da guerra son para algúns unha futilidade nocturna. Saturados de imaxes, os espectadores están perdendo a súa capacidade reactiva, a compaixón comeza a adormecerse nas nacións máis opulentas, onde as noticias son transformadas en entretemento. A realidade existe, si, pero lonxe dos nosos salóns. O que semella insensibilidade ten a súa orixe en que a televisión está organizada para incitar e saciar unha atención inestable e variante, onde os consumidores poden desanimarse e cambiar de canle.
Perante isto, a batalla de imaxes continua e penetra nos nosos fogares queiramos ou non, unha guerra contra inimigos sen cara, agochados tras pasamontañas en paraxes distantes ou capuchas en prisións controladas. Trátase da estratexia do Shock & Awe levada á escala mediática, onde todos somos partícipes exentos de neutralidade.
A periodista Margarita Ledo fai unha observación interesante cando sinala as tres fases ben diferenciables no análise das fotos arredor do conflito da Guerra do Golfo: establece unha primeira, a da ausencia, a segunda e máis interesante, a da sobresaturación ou fase “da vitoria”, e a terceira e última que sería a da volta á normalidade. Mais ditas tendencias proceden xa de guerras pasadas, como a de Vietnam, onde o universo mediático foi facilmente manipulable pese as gretas.
Igualmente ilustrador resulta fixarse no tratamento dos medios ca guerra en Bosnia. O denominado “efecto CNN”, que levou o asedio de Sarajevo a centos de millóns de salas de estar, demostrando a influencia decisiva de fotografías e vídeos en canto a que crises nos preocupan, a cales lles prestamos atención e que avaliacións realizamos sobre as mesmas nunha última instancia.
Hoxe en día os telexornais circundan e recollen todo ese material para sinalar e dicir “Mirade a barbarie dos islamitas”. É desta maneira como ese primeiro nivel, que semella tan inocente e puro, tan enchido de moral, o que á vez resulta profusamente alterado, inxeríndose no pensamento colectivo tentando buscar o estupor, creando a sensación de perigo e incitando por elo a tomar medidas de precaución que xustifiquen guerras.
A propagación absoluta das cámaras vídeo e os móbiles, xunto ca conectividade e a inmediatez que proporcionan internet e as redes sociais, estanse a producir brechas no control e explotación do material audiovisual derivado das guerras. Secasí, ditas rupturas do sistema de control non están derivando exclusivamente en canles informativos libres de manipulación, tampouco en respostas sociais críticas. Os efectos destes desenvolvementos son, pola contra, moito máis lúgubres e escuros do que poderíamos pensar.
Os novos canles comunicativos alleos ós mass media agóchanse en internet. Alí onde os medios manipulan ou cortan con elipses, a rede satisfai con crúa realidade sen cociñar. Procuras inocentes con palabras clave en plataformas populares como youtube ou google lévannos de cheo a asasinatos e decapitacións. Os motores de procura convencionais sacan a luz deste xeito unha extensísima recompilación de imaxes grotescas, froito dun exercicio cooperativo sen límites, movido polas pulsións persoais de quen se atopa detrás da pantalla.
A filósofa Michela Marzano realizou un ensaio sobre ditas cuestións da mostra do inquietante en internet. Dito traballo proporciónanos unhas cifras interesantes: a web ogrish.com, lugar de intercambio de vídeos e imaxes de todo tipo de barbaridades ata o seu peche, tiña un volume de visitas de 200.000 usuarios ó día, 700.000 cando se subía un vídeo novo.
O desexo de querer ver é unha pulsión que acompaña a nosa sociedade dende moito tempo atrás: a curiosidade pola última exhalación, o reflexo nos ollos inertes, o gorgolexo sanguento dun pescozo seccionado.
Alén dos espectáculos de gladiadores ou execucións públicas, hai un exemplo máis próximo e semellante ó fenómeno que nos atinxe: a proliferación de albumes fotográficos sobre operacións cirúrxicas, autopsias, ou feridos de guerra a finais do século XIX. Resultan interesantes as informacións que corroboran que dito material traspasara no seu momento os círculos científicos. Eran distribuídos como carteis postais, constituíndo, como no hoxe en día, un escaparate máis ou menos público e xeral de fascinación sobre o monstruoso e inquietante na fotografía, o pracer de mirar ó mesmo tempo que se ten a necesidade de xirar a vista.
Esa pulsión de atracción e repulsión, que posteriormente explotarán grupos de avant-garde como os surrealistas, trasladarase tamén á imaxe en movemento ca chegada do cinematográfico. Temos exemplos claros como o roubo e distribución das operacións cirúrxicas do Dr. Doyen entre 1989 e 1902, onde se podían visualizar aberturas de cranios ou mesmo a súa famosa operación de separación de siamesas.
Ó observar a máis que probable influencia entre este tipo de materiais e ás tendencias artísticas das décadas posteriores, faise patente o feito de que este tipo de contidos convertéronse en todo un fenómeno social a comezos do século XX. Posteriormente, a tendencia seguiu latexando con máis ou menos forza ata chegar os nosos días, amparándose a miúdo no interese científico, mais transformándose no refuxio da experiencia visual negada, satisfacendo un desexo reprimido: a acción sanguenta sobre o corpo.